miércoles, 11 de septiembre de 2013

Gacetilla de agosto 2013



Durante xullo e a metade de agosto apenas tivemos actividade pero fomos tomando decisións e movendo as actividades que virán ate o final de ano.

Á volta preparamos O encontro da EAPN. Xa temos decidido quen vai. Serán o 19, 20 e 21 de setembro en Valladolid.

Cabe destacar a II Escola de Verán. Xestión Participativa de Asociacións que fixemos o 28 de agosto. Traballamos  no por qué das asociación e a súa utilidade tanto a nivel colectivo como individual, as expectativas lexítimas etc. 
Cada asociación explicou un pouco a súa maneira de traballar, as dificultades que atopan e os seus obxectivos.  Despois de comer fixemos un exercicio de debate sobre un texto para mellorar este aspecto do mundo asociativo. Agradecemos a todos a participación, ao final todos aprendemos algo.

Nós en Boa Vida, estamos evolucionando. O acompañamento, a escoita, a reivindicación ou pertencer á rede da EAPN, non son suficientes motivos para continuar coa asociación. A perda de socios no último ano indica que necesitamos facer algo mais. Necesitamos fontes de financiamento pois a maioría dos socios estamos no paro. Isto que é fácil de dicir, non o é tanto de facer. Salvo algunhas excepcións, temos pouca formación e fai falla mais capacidade de traballo. Sí, toca facer autocrítica, aínda que hai que mirar adiante. Quen dixo que isto ia a ser fácil?

Continuamos solicitando ao Concello de Pontevedra o uso dun local permanente; aínda que a concellería segue negándose a concedelo. Non importa, temos paciencia. Como dicía Tip y Col, la próxima semana hablaremos del gobierno.

Nós farémolo cando toque.

Achegámosvos agora pensamentos soltos dalgúns socios que nos van dicindo cuestións sobre as que reflexionamos.


A loita contra a pobreza e os pobres

Contáchesme o luns que no encontro recomendaron aos usuarios formarse para loitar contra o paro e a pobreza. Iso vale a título individual, para poder ofrecer mais que os competidores á hora de conseguir un traballo. Creo que na historia de España nunca houbo tanta formación e laboralmente aí están os resultados.
Dende o primeiro día botei de menos que nos encontros se falara de distribuír a riqueza, ou de que tribute mais quen mais gaña, cando resulta que é ao contrario. Podería parecer que na EAPN hai diversidade de ideoloxías nas distintas organizacións que a compoñen; pero non é verdade. Van todas na mesma liña, ou iso parece.

Para hoxe gustaríame que alguén nos contara que se falou da escandalosa intromisión dos poderes políticos, económicos, etc. na xustiza ou de por qué temos a impresión de que algúns colectivos están porriba da lei. Que rouban con total impunidade.


Sobre se recibir-pedir alimentos e vergonzánte ou non indigno ou non.

Lembro unha vez que nos reunimos en Monteporreiro. Antes de entrar, dixéronnos que pasaramos a outra estancia porque faltaba pouco para que chegara a xente e igual non lles gustaba que os víramos, o cal indica que polo menos alguén, sí é consciente de que a caridade produce indignidade.

Algúns compañeiros din que non lles importa recibir alimentos, deberían pensar sobre iso, pois esas afirmacións reforzan a caridade e debilitan os dereitos. Estender ese discurso, pode conducir á eliminación da RISGA e outras pensións?.
Cando menos non axuda a conservalas?